FBA
Fundación Bautista Álvarez

Proxecto

O arquivo da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas está formado por material gráfico e bibliográfico de variada tipoloxía (libros, revistas, cartaces, fotografías, autocolantes e desdobrábeis) e por numerosa documentación pública e privada (manuscrita, mecanografada ou impresa por varios medios mecánicos) xerada ao longo de medio século de acción cultural e social e cedida tanto por persoas que participaron directamente nestes últimos 50 anos como por entidades diversas. Así mesmo, o arquivo contén tamén variada documentación e materiais (biblio)gráficos de asociacións cívicas (culturais, veciñais, estudantís, sindicais, ecoloxistas, etc.) e de outras organizacións sociopolíticas e individuos actuantes no espazo do galeguismo e do nacionalismo galego dende os anos sesenta do século XX até a actualidade.

Nesta web trataremos de publicar dixitalmente, sen présa mais sen pausa, os documentos, carteis, fotografías, revistas, etc que milleiros de homes e mulleres contribuíron a redactar, publicar e divulgar na nación galega e máis na emigración. Son documentos de organizacións partidarias mais tamén de outras organizacións estudantís, xuvenís, ecoloxistas, sindicais, veciñais e un amplo etcétera. Nada que teña como centro de atención a Galiza e estexa en propiedade –ou en depósito- nos Fondos que xestiona a Fundación deixará de publicarse, sempre condicionados polas posibilidades materiais e de tempo.