A Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas constituíuse o 14 de xuño de 2004, baixo a denominación Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, en escritura co número de protocolo 1.605 diante de Manuel-Julio Reigada Montoto, notario do Ilustre Colexio de Galiza; con Código de Identificación Fiscal número G-15947450; e clasificada de interese cultural por orde da Consellaría de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 29 de setembro de 2004 (DOG nº 203, do 19 de outubro) e declarada de interese galego por orde da Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 23 de novembro de 2004 (DOG nº 244, do 17 de decembro), figurando inscrita co número 2004/20.
A Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, constitúese en 2004 como Fundación de interese galego sen ánimo de lucro, a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG) e cadrando coa celebración dos seus corenta anos de existencia. A Fundación leva o nome da publicación histórica "Terra e Tempo" cuxo primeiro número se publica en 1965, na ditadura franquista.
A Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas visa ser un centro de documentación de referencia sobre o nacionalismo galego. A conservación dos fondos de diversas organizacións sociais a través da constitución dun Arquivo e promover o estudo e divulgación dos principios políticos e ideolóxicos do nacionalismo galego constitúen os seus eixos centrais.
A comezos do ano 2017, de común acordo con Bautista Álvarez e tras publicar o terceiro volume das súas Obras Escollidas que pechaban a triloxía comezada en 2013, e meses antes do seu falecemento en setembro, a Fundación pasa a denominarse Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. A mudanza fíxose co compromiso de continuar a prestixiar e recoñecer o labor do cofundador do Partido, presidente do mesmo durante tres décadas (1977-2008) e dinamizador da publicación Terra e Tempo, como recoñecemento a unha traxectoria persoal que ten na coherencia política, na fundamentación teórica contrastada e na promoción do dinamismo de diversas organizacións nacionalistas un sinal de identidade inequívoco.