FBA
Fundación Bautista Álvarez

Atopáronse 1 resultados:

ERGA

Foi a organización máis influinte na mocidade galega desde os anos 70 até a sua desaparición no ano 88. O nacionalismo galego, que a través da F.E.U.G. (Federación Universitaria Galega) fora quen de hexemonizar o Movemento Estudantil nos días da II República tería que agardar a decembro do 72 para encetar o camiño que lle permita recuperar a hexemonía perdida tras o alzamento militar fascista.

Impulsada pola Unión do Povo Galego (UPG), ERGA, xurde logo da necesidade de dotar ao estudantado dunha organización nacionalista e reivindicativa, respondendo o seu á mesma formulación que nos anos posteriores dará vida ás Comisións Labregas ao sindicalismo obreiro, á Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG); isto é a autoorganización dos diferentes sectores sociais que conforman o povo galego como condición imprescindíbel para a autodeterminación de Galiza.

A súa aparición pública acelerada tras o asasinato a mans da policía do estudante de Medicina Chema Fuentes, dáse nun contexto de profunda conflitividade na nación (tras as mobilizacións obreiras de Vigo e Ferrol) e no marco dunha Universidade que como consecuencia do crecemento económico dos anos 60 estaba a abrirse a sectores sociais máis populares de procedencia vilega ou rural.

ERGA imprimirá desde as súas orixes unha nova dinámica ao movemento estudantil, mesturando as reivindicacións académicas con aquelas de carácter máis xeral que daquela hexemonizaba a práctica deste.

Así, entre os cursos 72-73 e 74-75 levaranse adiante campañas pola mellora da docencia, contra o autoritarismo do profesorado, de boicote e oposición ás probas de selectividade que vai provocar a incorporación do Ensino Medio á loita estudantil.

Á súa par colaborase activamente nas mobilizacións do conxunto do nacionalismo: en oposición ás celulosas, no dia da Patria, no 1º de maio, polas liberdades democráticas e contra a represión... Particular importancia vai ter a laboura desenvolta no ámbito cultural e no lingüístico, o galego era perseguido nas aulas polo réxime e nas asembleas pola esquerda española, limitándose o seu uso sistemático aos membros de ERGA.

A pesar dos prexuízos seculares, dos prantexamentos importados, da represión franquista e da pouca experiencia, a alternativa patriótica descoñecida nas aulas só tres anos antes pasa a ser un referente fundamental no estudantado universitario e hexemónico nas ensinanzas medias ao final deste período.

As expectativas criadas tras a morte do xeneral Franco sobre as posibilidades dunha ruptura democrática que permitise unha reformulación do Estado van provocar unha importante expansión do nacionalismo e unha intensificación das loitas populares vivindo ERGA unha época dourada que ten o seu momento álxido en xaneiro do 78 coa celebración diante de 1000 delegados/as do seu I Congreso en situación de ilegalidade (ate 1987 non seria legalizada).

O estudantado vaise amosar especialmente receptivo á participación en conflitos de carácter xeral nutrindo as manifestacións máis senlleiras deses anos (Xove, Baldaio, Encrobas...) colaborando coas reivindicacións das restantes organizacións nacionalistas (oposición á industrialización irracional, contra  a cota empresarial....); o apoio de ERGA á xornada de loita contra os Pactos da Moncloa convocada polas Comisións Labregas (CC.LL.) e a ING para o 27 de xaneiro do 78 sáldase coa mobilización de 60.000 estudantes a pesar do boicote do resto das formacións actuantes no sector.

A partir do curso 78-79 a medida que se vai consolidando o proceso de cambio de réxime, as loitas por cuestións académicas pasan á primeira orde máis cun enfoque novo onde a dinámica de centro vai primar sobre a nacional. Atrás quedaban as mobilizacións pola ampliación do prazo da matrícula, contra os ciclos e as catro convocatorias, en oposición ás taxas con paros na práctica totalidade dos centros universitarios; ábrese unha nova páxina onde a excepción ven representada polas loitas no Ensino Medio esixindo a derrogación do Estatutos de Centros e na universidade a LAU, expresións legais do novo marco xurídico-político.

A necesidade de actuar, ser úteis, nunha situación de hostilidade social e institucional como a xurdida tras a consolidación “transición” vai obrigar a articulacións unitarias entre as forzas e individuos que se salvaron do naufraxio da transición. O proceso vivido en 1982 coa fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no que ERGA participa pasando a converterse nun colectivo máis da frente garda similitude co acontecido no movemento xuvenil e no ensino en particular.

No campus de Compostela partindo das debilitadas estruturas unitarias criadas nalgunhas facultades ao calor das loitas do curso 79-80 os Comités de Facultade, encétase unha iniciativa xunto a outras organizacións e persoas sen militancia partidaria encamiñadas ao seu afortalamento e expansión ao resto dos centros de distrito e da universidade (Nova Escola en Ourense, Escola Aberta en Vigo e Pontevedra ). Xorden así os Comités Abertos de Facultade (CAF) no curso 83-84 aos que ERGA lle dedicaron até a súa desaparición os seus mellores esforzos veiculizando a través deles todas as reclamacións de tipo académico en aras de non distorsionar o papel dos comités a ollos da comunidade educativa.

A escasa implantación coa que contaban no Ensino Medio limitou o seu labor a conflitos puntuais (FP no Carballiño,transporte na Coruña...) e dificultou o lanzamento dunha estrutura homóloga da que operaba con grande éxito no ensino superior. A pesar disto foise quen de respostar con creces a reforma educativa elaborada polo goberno do PSOE a través da PAEGA (Plataforma Aberta de Estudantes Galegos) que entre os anos 86-87 levou adiante as máis importantes mobilizacións realizadas polo alumnado de medias. Esta experiencia parella á creación dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) que aparecen coincidindo coas eleccións aos consellos escolares do ano 86.

A actividade pública de ERGA durante estes anos,case na totalidade das ocasións, derivarase da súa responsabilidade como organización xuvenil do nacionalismo. Participará do movemento anti-OTAN, apoiará as folgas xerais dos anos 84-85 realizando paros e manifestacións de estudantes e denunciará os intentos de manipulación de Rosalía de Castro e de Castelao coincidindo co traslado deste a Galiza, e solicita o voto para o BNG para as campañas electorais e consegue integrarse (non sen moitos problemas ao ser alegal) no Consello da Xuventude de Galiza.

O movemento nacionalista que viña de vivir nos anos anteriores as horas máis críticas da súa xeira contemporánea a forza de ter fe, volta a ter fe no noso povo. Na práctica, desaparecerá no ano 1988 ao constituírse Galiza Nova como organización da mocidade nacionalista.