FBA
Fundación Bautista Álvarez

Atopáronse 1 resultados:

ING

Constituída no ano 1977 cando o nacionalismo asume a imposibilidade de acadar unha central sindical única e galega a curto ou medio prazo pola consagración que a Constitución española fai do pluralismo sindical. Daquela, o nacionalismo decide organizar unha central sindical galega baixo as premisas explicitamente patrióticas e de clase. Decídese pasar do sindicalismo de cadros ao sindicalismo de masas para non perder o papel que o nacionalismo acadara no seo da clase traballadora galega.

Participan os sindicatos sectoriais da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza), o SGTM (Sindicato Galego de Traballadores do Mar), a UTBG (Unión de Traballadores da Banca de Galiza), a UTSG (Unión de Traballadores da Sanidade de Galiza) e os diferentes SOG (Sindicato Obreiro Galego) sectoriais (construción, madeira, metal, ...). Desde o inicio conseguiu unha expansión territorial importante ao longo de todo o país e participa nos conflitos laborais da época dirixindo moitos deles e facendo unha ampla campaña contra os Pactos da Moncloa. Nas primeiras eleccións sindicais de 1978 consegue uns resultados moi destacados con máis de 1.000 delegados en toda Galiza.