FBA
Fundación Bautista Álvarez

Obxectivos

A Fundación ten por obxectivos:

1.- Promover a recuperación de toda aquela documentación, sexa gráfica, escrita ou noutro soporte, que se xerou ao longo do século XX e que constitúa elemento de identidade do movemento nacionalista galego, especialmente na segunda metade do século.

2.- Ser centro de documentación, consulta e estudo sobre as actividades das organizacións nacionalistas xurdidas fundamentalmente nas décadas dos 60, 70, 80 e 90 do século XX xa sexan de carácter cultural, estudantil, sindical, ambiental ou político, nas que a Unión do Povo Galego, ben de xeito directo ou indirecto, participou na súa xestación, constitución e/ou organización.

3.- Difundir entre os galegos e galegas os estudos sobre a realidade da nación galega e a súa sociedade que contribúan a un mellor coñecemento da realidade da Galiza e do mundo e inflúan para desenvolvermos unha sociedade plenamente democrática. Tamén difundirá a escala internacional a realidade social e política da Galiza como nación.

4.- Convocar cursos, xornadas e debates sobre temas relativos ao nacionalismo e ao marxismo nas súas dimensións política, social, cultural e económica.

5.- Conservar e xestionar todo o patrimonio político e artístico xerado pola Unión do Povo Galego nas súas actividades como partido político, nomeadamente organizando o Arquivo Histórico da UPG.

Para o cumprimento dos obxectivos marcados anteriormente a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas desenvolve as seguintes actividades:

a) Edición de revistas, primordialmente da cabeceira histórica “Terra e Tempo” editada pola UPG desde 1965 até 2003.

b) Organización dun Arquivo do Nacionalismo Galego da segunda metade do século XX, nomeadamente das organizacións indicadas: Estudantes Revolucionarios Galegos, Sindicato Obreiro Galego, Intersindical Nacional Galega, Frente Cultural Galego, Asemblea Nacional-Popular Galega, Bloque Nacional-Popular Galego, Comités de Axuda á Loita Labrega e da propria Unión do Povo Galego.

c) Promoción e organización de exposicións e actividades públicas co fin de difundir os obxectivos fundacionais.

d) Estabelecer as axudas, becas, estudos, premios e calquera outra iniciativa que contribúa a enriquecer o patrimonio documental e a difusión dos obxectivos fundacionais.

e) Edición de libros ou outras publicacións ou participando na súa promoción mediante as axudas correspondentes.